martes, 28 de junio de 2011

AUTORIDADES!

Por fin o Parlamento Galego, atendendo á unánime reclamación do colectivo, acaba de aprobar o decreto polo que os mestres pasamos a ser considerados autoridades no desenvolvemento da nosa función docente.
Unha reivindicación que sempre foi prioritaria entre os mestres!
Acábaronse para nós ter que oír impasibles que un pai nos espete á cara: - Vai á merda!!
Dende agora, se quere insultarnos terá que empregar a fórmula máis respectuosa de:
- Vaia vostede á merda!
Grazas a Deus que contamos cun goberno que empeza a ter en conta as nosas xustas aspiracións.
Xa sei que aínda faltan algúns detalliños para que o ensino público conte cos medios adecuados para poder equipararse co privado. Pero hai que darlle tempo ao tempo.
Estou seguro de que se alzarán as voces dos “protestóns” de sempre esixindo outras moitas reivindicacións que para eles, inconscientes, son máis perentorias.
Pero digo eu, de que nos valería:
- Contar cos medios necesarios para poder ofrecer un ensino público de calidade?
- Que a ratio mestre-alumno fose a axeitada ás necesidades do alumnado que teñamos que atender?
- Que  moitos dos nosos centros deixasen de ter únicamente valor arqueolóxico?
- Que o noso labor pasase a ser respectado socialmente e que non se nos obrigase a asumir tarefas, moi dignas, pero da incumbencia doutros colectivos?
- Que o noso poder adquisitivo non fora mermando curso tras curso en progresión xeométrica?
- Que  os acordos entre o noso colectivo e o anterior goberno non tivesen pasado a ser papel mollado.
- Que …?
- Que …?
… se non dispuxermos da honra de ser considerados autoridades!
É ganas de protestar por protestar!

Pedro J. Rovira

No hay comentarios:

Publicar un comentario

No lo pienses más, dilo...