martes, 24 de abril de 2012

A “XUBILATIO”


PEDRO J. ROVIRA
 
Ao cumprir os sesenta e nove anos din que chegou a miña hora de xubilarme. Confeso que esta “inesperada” nova causoume certo desacougo, e coma ser curioso que sempre quixen ser, funme refuxiar no dicionario –recuncho no que só teño atopado bos e leais amigos-  e comprobei que o termo xubilación non está nin moito menos ben reflectido. Trátao coma unha vulgar palabra polisémica, da que só recolle as acepcións máis intranscendentes:
-    Acción ou efecto de xubilarse: Gran descubremento!
-    Paso á situación de retiro: Retiro de que, da circulación?
-    Subsidio ou pensión, salario que cobra a persoa xubilada: Non, que ademais iamos que ter que morrer de fame!
Menos mal que tamén fai referencia á etimoloxía e dános certa satisfacción ao facer derivar o termo do latín  “iubilationem” = alegría.
Pois digo eu: nin unha cousa nin a outra! Por si mesmo, nin retiro nin xolda. Como cantaba o Iglesias: A vida segue igual!
Se os sisudos académicos se tomasen a molestia de consultar ás persoas que pasan por este transo, saberían que estaban ante a palabra máis rica en matices de todo o dicionario. Unha palabra que ten tantas acepcións coma persoas das que se predica. E aínda dentro de cada persoa, tantas acepcións coma momentos hai nesta etapa da súa vida.
En primeiro lugar, podemos distinguir groso modo tres grandes grupos dentro deste colectivo:
Un primeiro estaría constituído por todos aqueles que naceron para xubilados e dende o primeiro día do seu primeiro traballo van riscando os días que xa non lles quedan para currar.
O segundo grupo formaríanos aqueles que despois dos anos regulamentarios de curre aceptan este momento con toda naturalidade e procuran disfrutar do tempo de lecer do que agora dispoñen. É dicir, o grupo das persoas normais.
Pero hai un terceiro grupo que integrarían aqueles que pensan que o paso do tempo non vai con eles e consideran a xubilación coma cousa dos demais, pero que é algo que nunca lles vai afectar persoalmente. Non é que sexan máis traballadores ca os do segundo grupo, senón que cren ter un xen matusalénico que queren explotar –co consiguinte cabreo dos que están á espera de que deixe a praza dunha “pi” vez.
Pero como dixen antes, tamén se deben ter en conta as diferentes etapas ao longo da vida dos xubilados do segundo e terceiro grupo. Pois os do primeiro teñen asegurada a felicidade ad aeternum só polo feito de non ter que traballar.
Denomino estas fases como acolloatio, gozatio e finiquitio.
- A “acolloatio”:  Soe comezar meses antes da data do cese no traballo. Caracterízase por ser unha fase na que veñen á cabeza reflexión que antes nunca un se fixera, coma: En que vou pasar o tempo?; deixarán as pensións a lo menos como están?, … (esta reflexión corresponde  a xubilados da última fornada).
- A “gozatio”: Soe notarse xa dende os primeiro días de lecer e faise máis intensa en momentos como a hora en que tocaba o despertador para ir ao traballo ou ao ouvir as noticias sobre a situación laboral (… de boa me librei!).
- A “finiquitio”: Esta fase depende de factores alleos ao mundo laboral e aféctalles incluso aos do primeiro grupo.
É precisamente nesta terceira fase na que só cada quen podería definir o termo que correspondería á súa xubilación Ningunha outra definición lle vai ser válida, aínda que veña refrendada pola mesmiña Real Academia da Lingua.

Nota: Como podedes comprobar, estas reflexións foron feitas en plena “acolloatio” do autor (3º grupo).