martes, 5 de julio de 2011

O FORRABÓLAS


Jose Rebolo Mariño

Onte á noite escoitei por vez primeira o “palabro”  forrabólas. Caladiño, case ás agachadas, acudín ó dicionario e non atopei ningunha referencia; abrín o MacBook e puiden  concluír que se trata dunha infracategoría de xogadores de golf, principiantes… No dicionario o máis parecido é a palabra forragaitas: ‘persoa que non di máis ca parvadas e estupideces; persoa carente de interese’. Estes conceptos trasladados ó golf dan un resultado final: xogador de golf carente de calidade, que cando lle quere dar á bóla só consegue levantar un belisco de herba e  que con moita tenacidade consegue que a bóla corra,  aínda que non sempre na dirección que el quixese.
Todo isto vén a conto, porque hai dous días que Tula está a pasar un trance difícil e raro. Cóntovos:  Tula ten vinte meses e, despois de tres “celos”, segue sen que ningún macho da súa especie se ocupe dela e a pesar de estar enteira   está a pasar un embarazo disque psicolóxico. Anda pa riba! Está triste, queda, lamuguenta e permanentemente acuruxada coma se estivese aleitando. O veterinario receitoulle unhas hormonas que, disciplinadamente, está tomando. No seu estado faime preguntas e cos seus silencios sonoros evócame o maio do 68 cando escribiron aquilo de…”o estar enteira produce cancro: vacínate”. Ó non poder saír camiñar con Tula por mor da súa  preñez,  acudín a xogar,  ou a querer xogar ó golf e alí no campo atopeime con Tino, o xefe dunha importante multinacional. Saudámonos e el, con mirada ríspeta, revisou o meu equipo e esperou con descaro que eu dese o primeiro golpe á bóla, mellor dito, que eu fixese o primeiro intento de darlle á bola. Pasoume o que din que dixo o Dr. Díaz Prieto alá polos anos 60 cando viu un can intentando cagar: ”Aí tendes  a imaxe do plan de desenrolo: máximo esforzo e mínimo rendemento”. O Tino, radiante e sen disimulo, díxome: “Xa vexo que es un forrabólas!”
Asi que aquí me tedes feito un forrabólas. Merquei uns  zapatos especiais para poder pisar o prado; acudo puntualmente ás clases que me dá un profesional e visto, por esixencias do protocolo, unha camisa de cores non rechamantes. Completo o uniforme con viseira e guante na man esquerda: todo isto dende fai varios meses para que ó final un xerente con garavata e coche alemán me chame forrabólas. Menos mal que para acougarme tivo a cortesía de levarme a cear con el á casa de comidas Gallofa onde demos conta dun linguado aderezado con patacas e regado cun viño de nome moi clerical: 200  Monjes. Podedes supoñer que me soubo a gloria monacal… Aínda escoito no maxín as melodías de Silos, de Samos e mesmo de Solesmes, provocadas polos taninos do tinto. Dende hoxe prometo ser máis comprensivo cos forrabólas da vida,  porque ‘haber hainos!’
A Tino, esa noite de peixe e bo viño, regaleille o último libro de Juan Madrid da editorial Flamma -propiedade do compañeiro e amigo Vicente Carballido- titulado Viejos Amores e recomendeille ler, sen regalo, un libro de Rubem Fonseca titulado El Seminarista.     

1 comentario:

  1. Publico o meu comentario como anónimo porque non sei publicar doutra maneira, pero son Pedro J. Rovira
    Parabéns ao noso compañeiro Pepe Rebolo. Consegue escribir como fala, e iso é moi difícil. Se todos fixeramos igual ca el, o noso idioma non estaría a pasar por unha situación de gravidade extrema nas grandes cidades. Un saúdo. Pedro J.

    ResponderEliminar

No lo pienses más, dilo...