lunes, 19 de diciembre de 2011

 
CARTA A PEDRO J. ROVIRA



             Disque o poeta Juan Ramón Jiménez, Nobel da nosa quinta do 56, nos  anos que viviu en Puerto Rico, onde finou, entre outras moitas teimas tiña a de ter ó seu dispor un mordomo-vigairo que, á tardiña, antes do solpor, chamaba á porta do seu despacho para, con estudada pero solemne brevidade, dicirlle: “Señor: el crepúsculo”. (Desde aquí unha homenaxe de gratitude a D. Jesús Abelleira, que tanto e tan ben nos lía a Platero) .

Benquerido Pedro, á nosa idade os anos van poñéndonos atrancos e vigairos para recordarnos acotío que o solpor da nosa existencia tamén está aí. Dicía e escribiu Pessoa que decotío sentía de xeito máis vehemente a carga que supoñía levar para diante a maleta do  ser.

Léote, Pedro, nas últimas datas e percíbote ferido e case que algo desacougado. Sinto próximo o latexo do teu berro existencial. Sinto, tamén, moita envexa  do teu xenio para verbalizar e escribir os teus pensamentos. O que escribes, o que berras, non é banal nin superfluo; é, penso, un bruído da túa alma moza en corpo sesentón.

Nestre intre lembro que, cando o Mestre Claudio Magris estreou o estado da vellez (biolóxica?), soltou de xeito apriorístico a sua definición de vellez:  “Antes tenía ideas, ahora solo tengo memoria”. E eu digo: o Mestre Pedro Rovira nin fai nin é coma Claudio Magris. Pedro está a estrear o estado da vellez con ideas, contanto e case que cantando as contradicións que ve entre a proclamación da mensaxe do Amor e as accións que decotío facemos os cristiáns en senso contrario. Hai uns cantos anos, despois de convertirse ó catolicismo e por tanto antes de convertirse en musulmán, escribiu Garaudy:  “Los cristianos bajan del Calvario y hablan del tiempo”. Saímos da misa e esfolamos ó que está a carón, sobre todo se non nos oe.

Pedro, lembra a Curros cando se  lle ocorreu -por certo, pagouno ben caro-  aquilo que puxo en boca de Deus: “Se este é o mundo que eu fixen…, que o demo me leve” . 

No teu berro está tamén a solución: a vida, e ó mellor tamén a fe cristiá, é busca,  é dúbida, é fulgor, pero tamén penumbra e gozo e val de lágrimas.

Eu non  son quen, nin quero ser quen, de reconfortarte; seguro que neste blog aparecerá algunha voz máis autorizada cá miña e con respostas máis axeitadas  para as fonduras do teu ser.

Acabo a miña carta de parabéns para ti polas túas loitas cunhas palabras de Juan Ramón Jiménez a Moguer, o seu pobo: “Te he dicho, Platero, que el alma de Moguer es el vino, ¿verdad? “ .

Pedro, siempre nos quedará Belesar para, entre grolo e grolo, mostrar as feridas da alma, pero tamén para cantar a vida, que non é pouco.

Unha aperta.

 Pepe Rebolo